POSTA DE SOL NA PRAIA DE MAR DE FÓRA, EN FISTERRA (MAIO DE 2011)

lunes, 3 de octubre de 2011

OUTUBRO QUENTE!


   Ao final semella que este outono non vai pasar á historia só polas excelentes temperaturas deste comenzo de outubro. Tamén pasará –aínda que lle pese ao señor Conselleiro de Educación- pola cada vez maior temperatura ambiental nos colexios. Os ánimos están moi quentes entre os traballadores docentes. Xa non son unicamente as condicións impostas pola Xunta, senón a insufrible chulería coa que nos segue a tratar aos mestres, o que está elevando o mercurio nos termómetros do ensino galego. Quería engadir aquí –para que os sindicatos tomen nota-  que a medida de non facer actividades complementarias nos centros educativos non vai contra as familias ou os alumnos –como algún panfleto sindical suxire-. Non se trata, nin máis nin menos, que de aplicar esa palabra tan de moda últimamente: recortes. A nós estannos baixando o salario e cambiando unilateralmente as condicións de traballo. Fronte a ampla postura de rexeite por parte do profesorado só se obtén a prepotencia por resposta e mesmo o insulto máis ou menos encuberto, xa que se apelaba á responsabilidade dos docentes para non secundar a folga. Isto significa que, para a Xunta de Galicia, os que exercemos o noso dereito á folga somos uns irresponsables. Pois ben, quero que quede claro que todas esas actividades que se están a poñer sobre a mesa para acordar en cada centro que se fai este curso, son actividades que nunca tiveron carácter obrigatorio, se ben é certo que tradicionalmente se viñan celebrando nos colexios de E .I. e Primaria. Estoume a referir ás saídas escolares (museos, teatro, actuacións musicais…), excursións de fin de curso, festivais de Nadal ou de fin de curso, magosto, samaín, entroido, maios, etc… Paréceme un abuso que, cando estamos a sufrir o maior ataque na historia democrática –non só como traballadores, senón como colectivo que representa un ben e un dereito para todos, como é o ENSINO PÚBLICO- se nos demande que sigamos a poñer da nosa parte o mesmo esforzo e traballo en aspectos que, non sendo obrigatorio cumprir, sempre estivemos dispostos a desempeñar. Non o esquezamos! Dende o ano 2007 (asinado cos sindicatos) existía un sistema que, aínda que mellorable, permitía aportar moito dese esforzo persoal á educación dos nenos. Mesmo animaba a que cadaquén, dende a súa experiencia e habilidades profesionais e persoais, aportara o seu gran de area ao ben común. Todo iso foi dilapidado pola Xunta actual. Recortar todo aquelo que non estamos obrigados a facer é a única medida de presión, de loita e de rexeite á política educativa da Xunta que nos queda aos docentes. Somos conscientes de que este tipo de medidas perxudican (aínda que minimamente) ao alumnado, pero non se pode esixir que poñamos aínda máis horas do noso tempo persoal para levar a cabo esas actividades. Se alguén é culpable do deterioro no ensino, non somos os docentes. QUE AS FAMILIAS E A SOCIEDADE EN XERAL LOITEN E LLE ESIXAN Á XUNTA (COMO FACEMOS NÓS, OS MESTRES) QUE DEFENDA UN ENSINO PÚBLICO DE CALIDADE!   

No hay comentarios:

Publicar un comentario