José Manuel Pinal
–director xeral de centros e recursos humanos da Consellería de Educación da
Xunta de Galicia- acaba de dicir que prevé un comenzo normalizado do curso
escolar, porque considera que todas as medidas adoptadas polo goberno
autonómico no que aos horarios dos docentes se refire están destinadas a
favorecer o proceso educativo dos nenos.
Este señor debe
padecer miopía galopante, ademáis de sufrir unha especie de “síndrome de
Pinocho”, pola cantidade de falsedades que se atreve a dicir nun curto espazo
de tempo. Velaquí as devanditas falsedades:
1.
O aumento de
horas lectivas vai supoñer unha maior atención aos rapaces porque, segundo el,
poderanse deseñar programas de atención aos alumnos con dificultades.
A realidade será que non só non
haberá unha maior e mellor atención ao alumnado, senón que se empeorará o
sistema que viña funcionando dende 2007 por varios motivos, a saber: os
supostos apoios que di o señor Pinal, deixarán automáticamente de funcionar
cando se produzan baixas por enfermidade ou outras causas entre o profesorado,
xa que serán os compañeiros do propio centro os que cubrirán os postos vacantes
por turnos, non sendo contratado persoal substituto (que quedará sen traballo).
Isto repercutirá directamente nunha merma na calidade do ensino. Tales apoios
estaban sendo desenvolvidos por mestres especialistas en Pedagoxía Terapéutica
e Audición e Linguaxe (que nos últimos anos estaban indo en aumento e que, a
partir de agora, diminuirán drásticamente).
2. Os únicos beneficiarios das medidas
adoptadas pola Xunta serán os nenos.
No punto anterior quedou claro
que isto non vai ser así. O sistema existente dende 2007 servía para garantir a
permanente atención educativa aos alumnos con necesidades especiais, xa que as
baixas sempre eran cubertas por persoal substituto contratado. Ademáis, o resto
do persoal do centro educativo somentes tiña que cubrir algunhas horas da
persoa que estaba de baixa –mentras se nomeaba a persoa substituta (normalmente
non transcurría máis dun día)-, de maneira que se podía continuar con total
normalidade o traballo nos distintos departamentos do centro (Biblioteca, TIC,
Normalización Lingüística, Actividades Complementarias e Extraescolares…), nos
que se viñan facendo distintos proxectos educativos. Todo isto vai deixar de
funcionar con normalidade pola falta de tempos destinados específicamente para
elo (dinamizacións). ¿Beneficia aos nenos este novo sistema que se vai
implantar?
3. Os sindicatos abandoaron a mesa sectorial.
Os representantes dos
traballadores do ensino néganse a negociar porque non había nada que negociar.
A decisión dos cambios xa estaba tomada de antemán unilateralmente pola
Consellería de Educación e só “se dignaba” a comunicar o que ía facer. Ditos
cambios eliminaban un acordo asinado cos sindicatos no ano 2007 e que estaba a
garantir un avance cualitativo no ensino en Galicia, con dotación de recursos
persoais e materiais aos centros educativos.
4. Coa medida soamente se recupera o que xa
había antes do 2007, ano en que o goberno anterior da Xunta (PSdeG e BNG)
reduce o horario lectivo.
Señor Pinal, conte toda a verdade
e non verdades a medias. Efectivamente, antes de 2007 había 25 horas lectivas.
Pero tamén había –dende moitos anos
máis- unha reducción do horario lectivo nas xornadas de setembro e xuño (unha
hora menos), que dende 2007 xa non existe e que vai seguir sen existir. Polo
tanto, non se volve á situación anterior (só no que lle interesa á Xunta).
Ademáis, lembro que, gracias a esa reducción horaria (a pactada en 2007) e ao
completamento dos catálogos de postos de traballo nos centros educativos (cunha
maior dotación de persoal), puido poñerse en marcha todo o sistema de
dinamizacións para desenvolver distintos proxectos e traballos educativos
–estes sí- en beneficio dos alumnos.
Diga tamén vostede, señor Pinal,
que se lle vai impoñer ao profesorado unha nova responsabilidade que claramente
está fóra das súas obrigas (e que está dentro do ámbito das familias ou de
persoal dedicado a labores de coidado): a garda e custodia nos tempos
anteriores á entrada e posteriores á saída das clases.
5. A Xunta vai contratar o persoal interino
necesario.
¡Claro que sí! Pero dentro do
sistema creado pola Consellería de Educación unilateralmente e sen ocasión de
rebatir (máis que coas manifestacións e a folga). Isto vai supoñer que a
cantidade de postos de traballo no ensino vanse reducir drásticamente, ao ser
cubertas as baixas polo persoal xa existente nos centros que, insisto, terá que
abandoar o traballo desenvolvido en distintos proxectos educativos e que
-¡estes sí!- ían en beneficio dos nenos.
6. O curso vai comenzar con normalidade.
Finalmente, señor Pinal, perdoe
que lle repita, padece vostede de miopía galopante. Fala de normalidade cando a
falta de dous días para recibir aos nenos nas aulas ten ao persoal docente en
pé de guerra, saíndo á rúa para manifestar contundentemente o seu rexeite á
política educativa da Xunta. Soamente os que padecen dalgún mal que lles impide
analizar a realidade ou os prepotentes que
seguen adiante cos seus plans a pesar da oposición xeralizada poden
facer unha afirmación semellante. ¿En que grupo se atopa vostede?
No hay comentarios:
Publicar un comentario